Teoría para a semana do LUNS 2 DE OUTUBRO DE 2017

Ola alumnos.

Estes van ser os cinco seguintes conceptos que van entrar no exame individual de TICs da 1ª avaliación. Van numerados e tamén lles puxen a páxina do libro de texto onde se atopan, por se queredes alí ampliar algunha información.

  1. O TECLADO máis coñecido é o Qwerty ou o teclado en español que tamén se usa con variantes en inglés. A distribución das teclas pode alterarse na maioría dos sistemas operativos, permitindo adaptalo a diversos idiomas. Un teclado USB é o estándar empregado na maioría dos teclados modernos. Por ter ese tipo de conexión, pode enchufarse e desenchufarse do computador cando este está aceso. (páxina 18)
  2. O RATO é un dispositivo de hardware periférico xeralmente cunha forma o suficientemente ergonómica que permite ao ser humano controlar un punteiro mediante o cal se realizan diferentes accións. Orixinalmente o sistema de posicionamento dos ratos funcionaba en base a un dispositivo mecánico, pero na actualidade difundíronse enormemente os ratos ópticos e mesmo os ratos sen fíos. (páxina 19)
  3. Chámaselle ESCÁNER ao dispositivo de entrada que permite dixitalizar imaxes, datos, sinais e outro tipo de información co propósito de que poida procesala o computador. Cun funcionamento similar ao dunha fotocopiadora, o escáner ocúpase de “ler” aquela información visible no obxecto co fin de introducila a un sistema informático para o seu posterior uso. (páxina 19)
  4. Os PERIFÉRICOS DE SAÍDA son os dispositivos polos que o computador nos presenta os resultados do seu procesamento. Os principais son o monitor ou pantalla, e a impresora. Outros dispositivos de saída poderían ser os altofalantes, auriculares, proxectores e plotters (impresoras especiais para facer planos e deseños grandes e de moita calidade). (páxina 19)
  5. Os DISCOS DE ESTADO SÓLIDO (SSD) son dispositivos de almacenamento secundario de alta velocidade. A súa memoria é de circuítos integrados, como as memorias flash. Son moito máis rápidos que os discos duros magnéticos, pero aínda son bastante caros e, por esa razón, as capacidades son máis baixas. (páx. 22)

Ata a semana que vén. O profesor de TICs.

Acerca de Ciber Andainas

Blogue da materia de Informática de 4º ESO do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña. Un espazo para a informática, a ciencia e a tecnoloxía.
Esta entrada foi publicada en Teoría para o exame. Garda a ligazón permanente.