Teoría para a semana do LUNS 9 DE OUTUBRO DE 2017

Ola alumnos.

Estes van ser os cinco seguintes conceptos que van entrar no exame individual de TICs da 1ª avaliación. Van numerados e tamén lles puxen a páxina do libro de texto onde se atopan, por se queredes alí ampliar algunha información.

  1. A UNIDADE LECTORA DE CD-ROM permite utilizar discos ópticos dunha capacidade até 700 MB. O uso destas unidades está moi estendido, xa que tamén permiten ler os discos compactos de audio. Unha característica básica das unidades de CD-ROM é a velocidade de lectura, que normalmente se expresa como un número seguido dunha «x» (40x, 52x,..). (páxina 22)
  2. A UNIDADE LECTORA DE DVD-ROM é aparentemente igual cas de CD-ROM, poden ler tanto discos DVD-ROM como CD-ROM. Diferéncianse das unidades lectoras de CD-ROM en que o soporte empregado ten ata 17 GB de capacidade, e na velocidade de lectura dos datos. (páxina 23)
  3. Os DISCOS BLU-RAY son discos ópticos empregados para vídeo de alta definición, 3D e son envolvente. Obtén o seu nome da cor azul do raio láser. A capacidade é maior que a do DVD. (páxina 23)
  4. A UNIDADE DE DISCOS MAGNETO-ÓPTICOS permite o proceso de lectura e escritura dos devanditos discos con tecnoloxía híbrida magnética e óptica. Tiveron un certo prestixio hai tempo, aínda que en contornas domésticas foron menos usadas que as disqueteiras e as unidades de CD-ROM. Destacaron as Unidades Zip, as Jaz, e as SuperDisk. (páxina 23)
  5. A FONTE DE ALIMENTACIÓN converte a corrente alterna que tomamos da rede eléctrica en continua, que é a que necesitan os circuítos electrónicos do computador. Ademais, reduce a tensión desde 220 V ata uns poucos voltios. Ten un potente ventilador que evacúa a calor que se produce no seu interior durante o seu funcionamento. (páxina 23)

Ata a semana que vén. O profesor de TICs.

Acerca de Ciber Andainas

Blogue da materia de Informática de 4º ESO do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña. Un espazo para a informática, a ciencia e a tecnoloxía.
Esta entrada foi publicada en Teoría para o exame. Garda a ligazón permanente.