Teoría para a semana do LUNS 16 DE OUTUBRO DE 2017

Ola alumnos.

Estes van ser os cinco seguintes conceptos que van entrar no exame individual de TICs da 1ª avaliación. Van numerados e tamén lles puxen a páxina do libro de texto onde se atopan, por se queredes alí ampliar algunha información.

  1. O CÓDIGO ASCII é un código de caracteres baseado no alfabeto latino, tal como se usa en inglés moderno. Foi creado en 1963 como unha refundición ou evolución dos conxuntos de códigos utilizados entón en telegrafía. O código ASCII utiliza 7 bits para representar os caracteres. Hai unha versión estendida de 8 bits, para proporcionar caracteres adicionais usados en idiomas distintos ao inglés, como o español. (páxina 27)
  2. Un SISTEMA OPERATIVO é un conxunto de programas dun sistema informático que controla a execución e a asignación de recursos ao resto dos programas e que actúa de intermediario entre o usuario e o hardware do computador. (páxina 41)
  3. OS/360 foi un sistema operativo producido por IBM entre 1965 e 1972. Inicialmente pensado para ocupar 6 KB, posteriormente foi aumentado desorbitadamente de tamaño con novas funcionalidades ata alcanzar o tamaño de lanzamento de 64 KB. Só funcionaba nas máquinas de IBM. (páxina 42)
  4. MULTICS era orixinalmente era un proxecto de sistema operativo liderado polo MIT, con General Electric e os laboratorios Bell, pero estes abandonaron o proxecto a finais dos 60. Desenvolveuse inicialmente para o mainframe GE-645, e despois foi soportado pola serie de máquinas Honeywell 6180. (páxina 42)
  5. UNIX é un sistema operativo portable, multitarea e multiusuario. Foi desenvolvido, en principio, en 1969, por un grupo de empregados dos laboratorios Bell de AT&T. Varias décadas máis tarde utilizouse como base para a creación de Linux. (páxina 42)

Ata a semana que vén. O profesor de TICs.

Acerca de Ciber Andainas

Blogue da materia de Informática de 4º ESO do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña. Un espazo para a informática, a ciencia e a tecnoloxía.
Esta entrada foi publicada en Teoría para o exame. Garda a ligazón permanente.