Teoría para a semana do LUNS 23 DE OUTUBRO DE 2017

Ola alumnos.

Estes van ser os cinco seguintes conceptos que van entrar no exame individual de TICs da 1ª avaliación. Van numerados e tamén lles puxen a páxina do libro de texto onde se atopan, por se queredes alí ampliar algunha información.

  1. CP/M foi un sistema operativo desenvolvido para o microprocesador Intel 8080. Tratábase do sistema operativo máis popular entre as computadoras persoais nos anos 70. Aínda que foi modificado para executarse nun IBM PC, o feito de que IBM elixise MS-DOS de Microsoft, fixo que o uso de CP/M diminuíse ata facelo desaparecer. (páxina 43)
  2. MS-DOS: En 1981 Microsoft comprou un sistema operativo chamado QDOS que, tras realizar unhas poucas modificacións, converteuse na primeira versión de MS-DOS. A partir de aquí sucedéronse unha serie de cambios ata chegar á versión incluída en Windows Milenium, a partir da cal MS-DOS deixou de existir como un compoñente do Sistema Operativo Windows. (páxina 43)
  3. Un COMANDO é unha instrución ou orde que o usuario proporciona a un sistema informático, desde a liña de comandos. Adoita admitir parámetros ou argumentos de entrada, o que permite modificar o seu comportamento predeterminado. Adoitan indicarse tras unha barra “/” (en sistemas operativos DOS) ou un guion simple “-” ou dobre “–” (en sistemas operativos Unix). (páxina 50)
  4. Os ARQUIVOS OU FICHEIROS son os documentos que conteñen a información. Identifícanse mediante un nome, que está composto por unha etiqueta e unha extensión, que están separados por un punto. Normalmente a extensión indica o tipo de información que hai no interior do documento. (páxina 52)
  5. As CARPETAS serven para organizar a información por temas, e poden conter ficheiros ou outras carpetas, chegando a formar verdadeiras árbores de información. Poderiamos pensar que nesa metáfora da árbore, as carpetas serían as pólas e os ficheiros serían as follas. Ou nunha biblioteca, as carpetas serían os andeis, e os ficheiros serían os libros. É moi importante crear unha boa estrutura da árbore de carpetas. (páxinas 52-53)

Ata a semana que vén. O profesor de TICs.

Acerca de Ciber Andainas

Blogue da materia de Informática de 4º ESO do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña. Un espazo para a informática, a ciencia e a tecnoloxía.
Esta entrada foi publicada en Teoría para o exame. Garda a ligazón permanente.