Teoría para a semana do LUNS 30 DE OUTUBRO DE 2017

Ola alumnos.

Estes van ser os cinco seguintes conceptos que van entrar no exame individual de TICs da 1ª avaliación. Van numerados e tamén lles puxen a páxina do libro de texto onde se atopan, por se queredes alí ampliar algunha información.

  1. O SECTOR DE ARRANQUE OU MBR é o primeiro sector de todo disco duro. Nel almacénase a táboa de particións e un pequeno programa de inicialización. Este programa é o encargado de ler a táboa de particións e ceder o control ao sector de arranque da partición activa. (páxina 58)
  2. Unha REDE DE COMPUTADORES é un sistema de comunicacións formado por un conxunto de equipos informáticos autónomos e software conectados entre si por medio de dispositivos físicos que envían e reciben impulsos eléctricos, ondas electromagnéticas ou calquera outro medio para o transporte de datos, coa finalidade de compartir e intercambiar información, recursos e ofrecer servizos. (páxina 65)
  3. Unha REDE LAN é aquela na que os computadores atópanse dentro dun mesmo ámbito xeográfico, como unha habitación, un edificio ou un campus universitario (como máximo da orde de 1 km). Chámase Rede de área Local (Local Area Network). Non utilizan medios ou redes de interconexión públicos. (páxina 66)
  4. Unha REDE MAN é aquela na que a distancia entre equipos é da orde da decena de quilómetros (dentro dunha mesma cidade). Entón estase ante unha Rede de área Metropolitana (Metropolitan Area Network). Por exemplo, unha rede que interconecte os edificios públicos dun municipio dentro da localidade por medio de fibra óptica. (páxina 66)
  5. Unha REDE WAN é aquela na que a distancia é de varios centos de quilómetros. Entón fálase dunha Rede de área Extensa (Wide Area Network) e, se se trata dunha rede que cobre todo o planeta, entón fálase de Internet. Utilizan medios como: satélites, cables interoceánicos, Internet, fibras ópticas públicas, etc. É comunmente un amplo conxunto de redes LAN e MAN interconectadas entre si. (páxina 67)

Ata a semana que vén. O profesor de TICs.

Acerca de Ciber Andainas

Blogue da materia de Informática de 4º ESO do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña. Un espazo para a informática, a ciencia e a tecnoloxía.
Esta entrada foi publicada en Teoría para o exame. Garda a ligazón permanente.