Aventura de investigación informática – Curso 2017/2018 – 2ª avaliación

Ola alumnos.

Este é o traballo (en grupos de 2 ou 3 persoas) que tedes que facer nesta 2ª avaliación. Xa vos entreguei a todos fotocopia do mesmo, pero tamén quero que conste no noso blogue da materia.

  1. Unha das distribucións máis coñecidas de Linux chámase OpenSUSE. Investiga sobre ela, a súa historia e as súas características técnicas.
  2. Unha das linguaxes de programación máis sinxelas para aprender a programar chámase BASIC. Investiga sobre a súa historia, as súas instrucións e forma de funcionamento.
  3. O xerme do que hoxe coñecemos como Internet foi unha pequena rede chamada ARPANET. Investiga sobre ela.
  4. Un dos medios de transmisión de datos na actualidade é a tecnoloxía wi-fi. Investiga sobre ela e as súas características técnicas.
  5. Unha das configuracións máis habituais nas redes de ordenadores é a coñecida como de topoloxía en bus. Investiga en que consiste.
  6. Unha das supercomputadoras máis potentes do mundo é a Cray Piz Daint. Investiga sobre as súas características técnicas.

ASPECTOS A TER EN CONTA

  • Tódolos puntos anteriores deben ser desenvolvidos coa maior claridade e extensión posible (pero iso si, mantendo o interese do tema, e non metendo información irrelevante para ampliar o tamaño do traballo). Cada unha das preguntas anteriores debe dar lugar a un capítulo do traballo.
  • Cada capítulo do traballo debe levar unha sección de referencias onde se indiquen tódolos libros, enciclopedias ou páxinas de Internet onde se obtivo a información (de cada apartado). Esa información debe ir toda xunta no índice ou nunha sección específica. ao final do traballo.
  • Sen contar portada nin índice nin bibliografía, o traballo debe ter unha extensión mínima de DOCE páxinas.
  • O traballo é EN GRUPO. Os grupos deben estar formados por DÚAS ou TRES persoas. No índice do traballo debe constar cal dos seis capítulos vos gustaría expoñer en público. Esa exposición levarase a cabo utilizando un programa de presentacións.
  • Como acaba de dicirse, todo o grupo terá que expoñer un dos capítulos do traballo. Esa exposición podería modificar lixeiramente a nota do traballo (esperemos que á alza). Canto antes se entregue o traballo, máis posibilidades hai de que se poida expoñer o capítulo que desexades.
  • Esa exposición en público comezará unha semana despois de que remate o prazo final de entrega.
  • Ademais da calidade e extensión do traballo, puntuará positivamente na nota o tempo que se tarde en realizar e ser entregado: canto antes se presente, maior poderá será a nota.
  • Unha vez obtida a nota final do grupo, multiplicarase polo número de integrantes, e deberán repartirse esa puntuación total entre todos os integrantes, en función dos seus méritos.

Os traballos DEBEN enviarse ao enderezo electrónico “informatica_calasanz@yahoo.es”.

Lembrade que os prazos de entrega, que permiten optar a máis ou menos nota, son os seguintes:

– ATA O DOMINGO 7 DE XANEIRO DE 2018 (incluído): podedes optar a unha nota máxima de 10.

– ATA O DOMINGO 14 DE XANEIRO DE 2018 (incluído): podedes optar a unha nota máxima de 9.

– ATA O VENRES 19 DE XANEIRO DE 2018 (incluído): podedes optar a unha nota máxima de 8.

Polo tanto, o prazo remata definitivamente ás 12 da noite do VENRES 19 DE XANEIRO DE 2018. E a presentación de traballos en público comezará o LUNS 29 DE XANEIRO DE 2018.

Saúdos. O profesor de TICs.

Acerca de Ciber Andainas

Blogue da materia de Informática de 4º ESO do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña. Un espazo para a informática, a ciencia e a tecnoloxía.
Esta entrada foi publicada en Traballos en grupo. Garda a ligazón permanente.