Debates científicos da 2ª avaliación: os Perigos de Internet

Ola alumnos.

Vou propoñervos o sexto dos debates científicos deste curso (xa é o terceiro nesta avaliación). Trata sobre os Perigos de Internet. Puntuarase a participación con interese no debate do tema. Se fas un comentario, tes que rematalo poñendo o teu nome e apelidos, e dicindo a clase na que estás e o teu número de clase.

A pesar das infinitas posibilidades que ofrece Internet como infraestrutura económica e cultural para facilitar moitas das actividades humanas e contribuír a unha mellor satisfacción das nosas necesidades e ao noso desenvolvemento persoal, o uso de Internet tamén leva riscos, especialmente para os nenos, os adolescentes e as persoas que teñen determinados problemas: tendencia ao illamento social, parados de longa duración…

No caso dos nenos, a falta dunha adecuada atención por parte dos pais (que moitas veces están a traballar fóra de casa todo o día) déixalles aínda máis vía libre para acceder sen control á TV e Internet, se está dispoñible no fogar, cando volven da escola. Se o computador familiar non dispón de filtros que limiten o acceso ás páxinas inadecuadas, de forma accidental ou buscando novos amigos e estímulos iranse atopando alí con toda clase de contidos, servizos e persoas, non sempre fiables nin convenientes para todas as idades. E o que empeza por curiosidade pode acabar nunha adicción xa que os nenos e os adolescentes son facilmente seducibles. Por desgraza hai moitos pais que non son conscientes destes perigos, que xa se daban en parte coa televisión e os videoxogos e que agora se multiplican en Internet, cada vez máis omnipresente e accesible a todos nas casas, escolas, cibercafés…

Todas as funcionalidades de Internet (navegación polas páxinas web, publicación de weblogs e webs, correo electrónico, mensaxería instantánea, foros, chats, xestións e comercio electrónico, contornas para o lecer…) poden comportar algún risco, ao igual como ocorre nas actividades que realizamos no “mundo físico”. No caso de Internet, destacamos os seguintes riscos:

  • Riscos relacionados coa información: acceso a información pouco fiable e falsa, dispersión e perda de tempo, acceso dos nenos a información inapropiada e nociva, acceso a información perigosa, inmoral, ilícita.

  • Riscos relacionados coa comunicación interpersoal: bloqueo da caixa de correos, recepción de “mensaxes lixo”, recepción de mensaxes persoais ofensivos, perda de intimidade, accións ilegais (insultar, difamar ou ameazar), malas compañías.

  • Riscos relacionados con actividades con repercusión económica: estafas, compras inducidas por unha publicidade abusiva, compras por menores sen autorización paterna, roubos, violación da propiedade intelectual, realización de negocios ilegais a través de Internet (compra-vendas, poxas, préstamos, apostas…), gastos telefónicos desorbitados.

  • Riscos relacionados co funcionamento da rede Internet: lentitude de accesos, imposibilidade de conexión a unha web ou a un servizo de Internet, problemas de virus, espionaxe, publicidade subliminal ou spam.

  • Riscos relacionados coas adiccións: adicción a buscar información de todo tipo, adicción a frecuentar as contornas sociais, xogo compulsivo, compras compulsivas.

A pesar de que os riscos aos que estamos expostos en Internet son basicamente os mesmos que atopamos no “mundo físico” (non esquezamos que ao acceder a Internet accedemos a un mundo paralelo ou ciberespazo que en gran medida imítao), a natureza “virtual” de Internet e a súa crecente ubicuidade na nosa sociedade, a novidade que representan os seus servizos e nosa pouca experiencia no seu uso (aínda estamos en fase de descubrir moitas das súas posibilidades), introducen novos factores que aumentan estes riscos:

  • Fácil acceso á información

  • Fácil comunicación interpersoal

  • Accesibilidade permanente

  • Anonimato

Acerca de Ciber Andainas

Blogue da materia de Informática de 4º ESO do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña. Un espazo para a informática, a ciencia e a tecnoloxía.
Esta entrada foi publicada en Debates científicos. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Debates científicos da 2ª avaliación: os Perigos de Internet

  1. Pablo Mosquera Pazos Nº18 4ºC di:

    Na actualidade,a nosa vida cambiou moito dende fai xá uns anos debido ao Internet.
    Esta plataforma universal pode ser moi útil e axudarnos na nosa vida diaria,no momento de que podemos aforrar tempo e comprar online ou mesmo coñecer xente e ter unha boa relaccióm.Como non,tamén pode ter algunhas desvantaxes,coma non tes control total acerca da túa personalidade posto que non controlas moi ben as redes ou mesmo podes estar sendo engañado e non darte conta.Aínda así,internet facilitounos moito a vida nos últimos anos e é moi útil mentres o uses con cuidado e seguridade.

  2. Mario Valderas García nº 26 4ºA di:

    Na miña opinión creo que os nenos de agora teñen acceso a internet a unha idade moi temprana xa que eu aínda de nacer no auxe do internet, non o coñecín até os 11 anos coa miña primeira tablet, esta semella ser unha idade moi temprana para andar con internet aos ollos dalgúns adultos pero estamos indo a máis xa que meu irmán pequeno, só con 6 anos xa tiña unha tablet e agora que ten 8, quéixase de que seu irmán maior tén teléfono móbil e él non.
    O problema é que desde vai tempo o vexo ceando coa tablet e preocúpame o que está a ver tanto tempo.
    Despois de todo, Internet é unha ferramenta moi útil se sabes utilizala pero que non fai falla mostrallela aos nenos pequenos xa que os pais só conseguiran buratos no bolsillo debido a que o neno quería un móvil que costa máis que o soldo mínimo.
    MarioValderas García 4A N°26

  3. Lucía Dapena García Nº12 4ºA di:

    Na actualidade, a maior parte da poboación utiliza Internet diariamente na súa vida cotidiana.
    Por unha parte é bo xa que ofrécenos moitos beneficios, coma por exemplo a accesibilidade a moito tipo de información e páxinas web pero por outra parte tamén ten riscos, coma por exemplo estafas nas compras on-line ou que descoñecidos obteñan a nosa información persoal.
    É decir, Internet é moi útil aínda que sempre debemos usalo con cuidado e seguridade.
    Lucía Dapena García Nº12 4ºA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *