Teoría para a semana do LUNS 11 DE DECEMBRO DE 2017

Ola alumnos.

Estes van ser os cinco primeiros conceptos que van entrar no exame individual de TICs da 2ª avaliación. Van numerados e tamén lles puxen a páxina do libro de texto onde se atopan, por se queredes alí ampliar algunha información.

  1. Os VIRUS son programas cunhas características moi peculiares que se introducen nos computadores de formas moi diversas: a través do correo electrónico, Internet, lapis usb, etc. Teñen dúas características diferenciais: reprodúcense infectando outros ficheiros ou programas, e ao executarse, realizan accións molestas e/ou daniñas para o usuario. (páxina 88)
  2. Un BACKDOOR é un programa que se introduce no computador de maneira encuberta, aparentando ser inofensivo. Unha vez é executado, establece unha “porta traseira” a través da cal é posible controlar o computador afectado. Isto permite realizar no mesmo accións que poden comprometer a confidencialidade do usuario ou dificultar o seu traballo. (páxina 88)
  3. Un TROIANO ou cabalo de Troia chega ao computador como un programa aparentemente inofensivo. Con todo, ao executalo instalará no noso computador un segundo programa, o troiano. O seu nome deriva do parecido na súa forma de actuar cos astutos gregos da mitoloxía. (páxina 89)
  4. Os VERMES son programas moi similares aos virus, pero diferéncianse en que non necesitan un programa ou arquivo portador para infectar outros ficheiros. Basicamente, os vermes limítanse a realizar copias de si mesmos, sen tocar nin danar ningún outro ficheiro, pero reprodúcense a tal velocidade que poden colapsar por saturación as redes nas que se infiltran. (páxina 89)
  5. Denomínase ADWARE ao software que mostra publicidade, empregando calquera tipo de medio: xanelas emerxentes, banners, cambios na páxina de inicio ou de procura do navegador, etc. A publicidade está asociada a produtos e/ou servizos ofrecidos polos propios creadores ou por terceiros. O adware pode ser instalado co consentimento do usuario e a súa plena conciencia, pero en ocasións non é así. (páxina 91)

Ata a semana que vén. O profesor de TICs.

Acerca de Ciber Andainas

Blogue da materia de Informática de 4º ESO do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña. Un espazo para a informática, a ciencia e a tecnoloxía.
Esta entrada foi publicada en Teoría para o exame. Garda a ligazón permanente.